Máis de 15.000 afectados pola artrite reumatoide en Galicia
Hoxe conmemórase o Día Mundial da Artrite Reumatoide, unha doenza autoinmune que provoca a inflamación das articulacións e a súa progresiva destrución. Calcúlase que en Galicia afecta a máis de 15.000 persoas.
En Galicia hai tantos casos de artrite coma no resto de España. O clima húmido só magnifica os síntomas pero non incrementa a incidencia da enfermidade. A miúdo confúndese coa artrose, outra doenza reumática que convén saber diferenciar.
"A dor de artrose é mecánica, cando un fai movementos ou colle un peso. A dor da artrite é inflamatoria, prodúcese as 24 horas do día e acompáñase de tumefacción das articulacións", explica Manuel Pombo Suárez, reumatólogo do CHUS.
A artrose é unha enfermidade dexenerativa, propia da vellez. Pero a artrite é unha doenza autoinmune que afecta sobre todo a mulleres de entre 40 e 60 anos. Ao non existir unha proba concluínte, ás veces resulta complicada a diagnose. Por iso é fundamental coñecer os síntomas.
"Pode afectar calquera articulación do corpo pero o máis característico é que se manifeste nas mans e nos pés. A deformidade da artrose non lle vai impedir á persoa, a longo prazo, traballar coas mans. En cambio, a artrite á moito máis agresiva, produce máis destrución e se non se trata vai afectar a funcionalidade das mans", engade o doutor.
A boa nova é que se produciu nos últimos tempos unha auténtica revolución no canto aos tratamentos farmacolóxicos.
"Hai moi bos tratamentos, que non van curar a enfermidade. Pero van ser capaces de controlar a actividade e a doenza, de tal xeito, que a persoa vai poder levar unha vida absolutamente normal", asegura.
E os balnearios ou a rehabilitación específica... melloran os síntomas? Manuel Pombo considera que lles achegan os mesmos beneficios ca ao resto da poboación, ao igual ca a actividade física e a dieta equilibrada.