CRTVG

Buscar

Máis de 11.000 científicos din que estamos en emerxencia climática

Publicado o 06/11/2019 13:50

Máis de once mil científicos de todo o mundo din que estamos en emerxencia climática. Afirman que será inevitable un sufrimento humano sen igual a menos que haxa cambios radicais na nosa actividade para reducir as emisións de dióxido de carbono. Advírteno nun artigo publicado na revista científica BioScience.

Os autores destacan obxectivos coma a reforma do sector enerxético, o restablecemento dos ecosistemas, o establecemento dunha economía libre de dióxido de carbono e unha poboación humana estable.

Falamos con Miguel Varela Cabo, profesor de Física, sobre o impacto do ser humano no cambio climático e sobre as consecuencias que sufriremos a medio prazo en Galicia. O profesor explica que a temperatura do noso planeta "aumentou máis nos cen últimos anos ca nos anteriores cinco mil", e "máis da metade dos factores que contribuíron a este incremento térmico están asociados a actividades humanas".

En canto ás consecuencias que vai sufrir Galicia nos próximos anos, o profesor Miguel Varela explica que "o impacto vai ser forte debido a que o mar ten unha importante presenza nas nosas vidas".

Tamén recuperamos as palabras de José Antonio Rodríguez Añón, director do Máster en Enerxías Renovables e Cambio Climático da USC, que visitou esta semana o estudio do Bos días. El critica o desleixo por parte da sociedade: "É complicado deixar de lado a enerxía porque nos fixo moi dependentes".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí