CRTVG

Buscar

Máis de 100.000 mortos no mundo por coronavirus

Publicado o 10/04/2020 20:40
Máis de 100.000 mortos no mundo por coronavirus


Os mortos por COVID-19 no mundo superaron os 100.000, de acordo cos datos proporcionados este venres pola Universidade Johns Hopkins nos Estados Unidos. De acordo con esa fonte, os falecidos chegaron a 100.376, con Italia co maior número de decesos, con 18.849; seguida dos EUA, con 17.925; e España, con 15.970. As últimas cifras proporcionadas hoxe pola Organización Mundial da Saúde (OMS) sinalaban que os casos globais de COVID-19 ascenderon a 1,52 millóns, despois de que se rexistrasen máis de 90.000 novos contxgios nas últimas 24 horas; mentres que os mortos son 92.798, e esperábase que chegasen a 100.000 esta fin de semana.

Elévase a 13.197 o número de mortes por coronavirus en Francia

O número de mortes por coronavirus en Francia desde o pasado 1 de marzo elevouse este venres ás 13.197, das que 8.598 producíronse en hospitais e delas 554 nas últimas 24 horas. O director xeral de Sanidade, Jérôme Salomon, precisou nunha rolda de prensa que os outros 4.599 falecementos corresponden a residencias de anciáns e centros de dependencia, dos que o Executivo aínda non dispón dun reconto completo. En total seguen hospitalizadas 31.267 persoas enfermas de COVID-19 e hai 7.004 en unidades de coidados intensivos (UCI), o que reflicte que o avance da epidemia segue sendo "moi dinámico" e hai que manterse alerta, segundo Salomon.

O representante de Sanidade indicou, con todo, que a diferenza entre os ingresos e as saídas nas UCI volve ser negativa por segundo día consecutivo, con 62 pacientes menos este venres. En toda Francia hai 90.676 casos de coronavirus confirmados, 4.342 persoas máis nun día, e 24.932 persoas foron dadas de alta. O confinamento empezou en Francia o pasado 17 de marzo e tras unha primeira prolongación ata este 15 de abril está previsto que o presidente, Emmanuel Macron, detalle unha nova ampliación no discurso á nación que ofrecerá o luns.

As mortes por coronavirus no Reino Unido alcanzan un novo récord de 980

O número de mortes rexistradas en hospitais do Reino Unido por COVID-19 incrementouse no récord de 980 en 24 horas, ata un total de 8.958, informou este venres o ministro de Sanidade, Matt Hancock. Trátase do maior incremento diario de falecidos contabilizado no país desde que en xaneiro comezou a estenderse a pandemia do novo coronavirus, despois de anunciarse 881 o xoves e 938 o mércores. O ministro indicou que as persoas hospitalizadas con síntomas ascenden a 19.304 e que o número de casos está en liña con outros países.

Hancock instou os británicos a permanecer nos seus fogares nesta ponte de Semana Santa para protexer o servizo nacional de saúde ( NHS, en inglés) e subliñou que aínda non se chegou ao "pico" de contaxios. O ministro asegurou que se aumentou a capacidade para facer análise do virus ao persoal sanitario e prometeu que todos os traballadores do sector poderán contar con equipamento de protección, algo que reclaman. Tamén dixo que o estado de saúde do primeiro ministro, o conservador Boris Johnson, ingresado o pasado 5 de abril nun hospital londiniense con COVID-19, "continúa mellorando" e transmitiu o seu apoio "os afectados por esta terrible enfermidade".

Un portavoz do xefe do Goberno dixo hoxe que Johnson segue ingresado no hospital de St. Thomas "en fase temperá" de recuperación da COVID-19. O líder conservador, de 55 anos, foi trasladado a unha planta do centro despois de que o xoves abandonara a unidade de coidados intensivos (UCI), onde pasou tres noites despois de que empeorasen os seus síntomas.


 

Noticias web

10/04/2020