CRTVG

Buscar

Máis da metade dos pacientes crónicos abandona o tratamento

Publicado o 15/11/2019 15:11

Unha das principais causas do abandono dun tratamento médico é o esquecemento. Sobre todo en pacientes crónicos e polimedicados, porque canto máis longo é o tratamento máis posibilidades hai de que acabemos esquecendo. Pero é frecuente tamén que se deixe de tomar algún fármaco de forma consciente e voluntaria, cando ten efectos adversos.

Tamén inflúe a dificultade de administración das medicinas, como no caso das gotas oftalmolóxicas.

"A dificultade de administración dos fármacos fai que sexa moi difícil, moitas veces, administrarse de forma adecuada os tratamentos", explica Beatriz Bernárdez, da Sociedade Española de Farmacia Hospitalaria.

Máis da metade dos pacientes crónicos teñen unha mala adherencia; o 70% dos tratamentos antidepresivos quedan incompletos e ata un 30% dos enfermos oncolóxicos toman mal ou non toman a súa medicación. Un grave problema de saúde pública que, ademais repercute moi negativamente no gasto sanitario.

A comunicación médico-paciente é fundamental para reducir estas cifras de abandono, xunto con medidas sinxelas que se poden adoptar na casa. As novas tecnoloxías poden ser moi útiles, segundo lembra Beatriz Bernárdez, "con aplicacións que se poden empregar, o soporte familiar, ter alguén cercano que nos lembre que temos que tomar a medicación, os estoxos das pastillas tamén son moi útiles...".

130 hospitais españois súmanse hoxe á chamada dos farmacéuticos para reducir a mala adherencia aos medicamentos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/11/2019