CRTVG

Buscar

Máis da metade dos albergues privados de Santiago, pechados pola diminución de peregrinos

Publicado o 06/10/2020 14:09

Chamada de auxilio dos albergues privados de Santiago, que pasan por unha situación moi complicada a causa da baixada na afluencia de peregrinos. Máis da metade xa botaron o peche e moitos temen que este sexa definitivo, porque aseguran que as restricións impostas pola situación sanitaria fan inviables os seus negocios.

Só 236 peregrinos recibiron a Compostela no día de onte, unha cifra que queda moi lonxe da de calquera día de outubro do ano pasado, cando chegaban a Santiago case 1.200 peregrinos diarios. A pandemia reduce a afluencia do camiño a un 20 por cento do que era habitual, e iso tradúcese nunha diminución similar da ocupación dos albergues.

Desde o albergue SCQ, Pablo Brea explica que moitos xa non abriron e os que o fixeron "aguantaron en xullo e agosto e logo pecharán porque coas cifras de ocupación non é sostible manter aberto un negocio".

Ademais do acusado descenso de peregrinos, as medidas de distanciamento obrigatorias afectan especialmente os establecementos deste tipo, que aseguran que manter indefinidamente as restricións significaría a desaparición dos seus negocios.

"Aínda que teñamos unha ocupación do 75 por cento, en establecementos con liteiras, ao non poder poñer unha persoa enriba doutra a ocupación final real é dun 50 por cento", explica. Brea engade que "se algunha destas medidas, como o distanciamento social de metro e medio ou a ocupación limitada ao 50 por cento para todo o ano que vén, significa a morte destes negocios".

Os empresarios son pesimistas respecto do futuro, pero teñen certa esperanza en que a partir da próxima primavera os avances médicos axuden a suavizar as medidas para que se recupere a actividade económica xerada no Camiño de Santiago e no aloxamento turístico.

Noticias web

06/10/2020

Máis sobre Santiago de Compostela