CRTVG

Buscar

Galicia, con 35 graos, rexistra as temperaturas máis altas da península

Publicado o 27/05/2020 20:17

E Galicia rexistrou hoxe as temperaturas máis altas da península. Por riba dos 35 graos estiveron no Ribeiro ou en Ourense, pero tamén na costa se acadaron valores abafantes. A 34 graos e medio chegaron en Boiro. Máis calor que en Andalucía ou Estremadura.

A auga do Miño convértese no mellor bálsamo contra a calor en pleno corazón do Ribeiro. Un luxo para refrescarse ou para pescar, garantindo, iso si, unha sombra.

Unha xornada máis O Ribeiro rexistrou as temperaturas máis alta de España superando os 35 graos por riba mesmo de lugares como Córdoba ou Sevilla. Hoxe aquí a manta era necesaria, pero para protexer os coches da calor.

Calor abafante tamén na Cidade das Burgas, onde chegaron aos 35 graos. Mañá todo o Val do Miño volverá estar en aviso amarelo por temperaturas semellantes ás de hoxe e posibilidade de treboadas.

Supéranse os 30 graos na costa atlántica

Nin unha soa nube no ceo, loce o sol pero ademais de facelo con todo o seu esplendor, quenta como se fose verán. Ou iso é o que reflicten estas imaxes... A sorte quixo que este tempo chegase na semana na que xa podemos ir á praia

A calor chegou a todo a costa atlántica. En Ferrol os termómetros subiron ata os 30 graos, na Coruña estiveron a piques, quedaron en 29. Neste litoral norte, o vento do nordés mitigou a sensación de calor. No sur non houbo alivio para o 34 graos que alcanzou Pontevedra e os 32 de Vigo.

A única receita para non abafar, a auga. Os baños prestaron e moito. Tamén hai a quen lle chegou con meterse ao mar. Ou con xogar na súa beira.



Noticias web

27/05/2020