CRTVG

Buscar

Comezan a funcionar en Madrid os primeiros hoteis medicalizados

Publicado o 20/03/2020 08:44

Comezou a funcionar o primeiro hotel medicalizado de España, o Colón de Madrid. Alí estarán ingresados doentes con síntomas que precisan hospitalización pero non están graves. A Comunidade activou centos de camas para liberar recursos nos hospitais.

Chegaron xa os primeiros doentes con coronavirus ao Colón de Madrid, o primeiro hotel medicalizado de España. Está situado moi preto do hospital Gregorio Marañón. Ten máis de 350 cuartos, e co seu uso preténdese aliviar a presión asistencial de tres hospitais da capital. O equipo médico que traballa aquí inclúe licenciados en Medicina pendentes do MIR.

A Comunidade de Madrid estima que se usarán entre tres mil e catro mil camas, pero non descarta que sexan máis. Ata o momento ofreceron a súa colaboración máis de 40 hoteis cunha capacidade próxima ás nove mil. Chegaron a ofrecerse 60.000, pero non todas cumpren os requisitos operativos. Esta medida tamén se estuda en Galicia. A Consellería de Sanidade púxose en contacto co Clúster de Turismo para ver se os hosteleiros poden ceder camas nun momento dado. A idea é que as principais cidades teñan preparadas unha ou dúas localizacións se a crise sanitaria empeora.