CRTVG

Buscar

Madrid anunciará este mediodía novas restricións

Publicado o 25/09/2020 08:23

Ao longo do día de hoxe, a comunidade de Madrid enviaralle ao Goberno central a solicitude formal de asistencia. Onte houbo nova reunión do 'grupo Covid' para nomear os técnicos sanitarios que traballarán en plena coordinación con este grupo para a elaboración de propostas e toma de decisións. Por parte do Goberno central, un deles será Fernando Simón. Desde o ministerio de Sanidade pídenlle á comunidade de Madrid determinación para frear os contaxios.

"Veñen semanas moi duras en Madrid e, polo tanto, hai que actuar con determinación para tomar o control da pandemia nesta comunidade autónoma", dixo o ministro de Sanidade.

Dos 700.000 contaxios que se rexistran en toda España, o 40% deles son en Madrid, que suma 4.250 novos casos. Nos hospitais hai máis de 3.200 pacientes ingresados e máis de 430 nas UCI.

Silvia Calzón, secretaria de Estado de Sanidade: "Estamos en valorar o esforzo que se está facendo, en acompañar, en cooperar desde a máxima lealdade".

Será ás doce do mediodía cando o viceconselleiro de Saúde Pública, Antonio Zapatero anuncie as novas restricións na comunidade, que en principio só afectarán ás zonas que cumpran os parámetros obxectivos de alta incidencia de contaxios. Concretamente, onde a incidencia sexa superior a mil cada 100.000 habitantes.

O Goberno central pon a disposición de Madrid recursos para desinfección, medios loxísticos, sanitarios ou de asesoramento. O ministerio de Defensa ofrece ata 7.500 militares, que se sumarían aos 130 designados para traballar como rastrexadores.

Margarita Robles, ministra de Defensa: "En todo o que estea dentro das posibilidades e competencias das Forzas Armadas e a Comunidade de Madrid nolo solicite, se o podemos facer, farémolo".

O despregamento das forzas de seguridade do Estado, Policía Nacional, Garda Civil ou a Unidade Militar de Emerxencias atrásase ata o luns porque así o solicitou a comunidade madrileña.

Noticias web

25/09/2020