CRTVG

Buscar

Macron prorroga o confinamento en Francia ata o 11 de maio

Publicado o 13/04/2020 22:24

O presidente francés, Emmanuel Macron, anunciou este luns a prolongación das actuais regras dun "confinamento estrito" ata o 11 de maio, unha data a partir da cal se reabrirán "progresivamente" as garderías e centros educativos preuniversitarios.

Macron, nun discurso radiotelevisado á nación, insistiu nese carácter progresivo da saída do confinamento, que se asentará na realización de probas de forma masiva, que asegurou que estarán dispoñibles entón para todas as persoas que teñan síntomas do coronavirus.

Tamén deu algunhas pistas sobre os establecementos que non poderán volver aínda á normalidade na nova fase que se abrirá a partir do 11 de maio. Entre eles, están os bares, cafés, restaurantes ou hoteis.

Macron tamén sinalou que os grupos máis sensibles á enfermidade, como persoas maiores ou con enfermidades crónicas, terán que seguir confinadas.

Preto dos 15.000 mortos

Francia achégase aos 15.000 mortos por coronavirus, con 14.967 rexistrados ata este luns, o que significa 574 máis dos que se tiñan contabilizados a véspera, anunciou hoxe o Ministerio de Sanidade. Do total de falecementos, 9.588 producíronse nos hospitais e 5.379 en residencias. Un elemento esperanzador foi a diminución, por quinto día consecutivo, do número de pacientes en coidados intensivos, con 24 menos, destacou o ministerio nun comunicado.

En calquera caso, seguen sendo 6.821 as persoas coa COVID-19 que están nas UCI en Francia, por baixo do máximo que se alcanzou o pasado día 8, con 7.148. Polo que respecta aos casos positivos, levan 98.076 desde o comezo da epidemia, o que significa 2.673 máis que a véspera. De todos eles, están hospitalizados 32.113 pacientes, é dicir, tamén unha cifra superior á da véspera (287 máis).

O departamento de Sanidade fixo fincapé en que se confirma a dinámica de que o impacto da epidemia segue sendo forte en Francia, e por iso repetiu que hai que manterse "vixilantes, mobilizados e prudentes".

Noticias web

13/04/2020