CRTVG

Buscar

Macron forza o diálogo con Irán no cumio do G7

Publicado o 26/08/2019 09:04

O papel de Rusia, a guerra comercial entre os Estados Unidos e A China e a recuperación do tratado nuclear con Irán foron os puntos fortes do menú da reunión do G7 en Biarritz, que volveu poñer de manifesto as diferenzas entre o presidente Trump e as potencias europeas.

Á cea de onte asistiu o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que foi invitado por Enmanuelle Macron.  

Macron invitou por sorpresa á cea de G7 o ministro de Exteriores iraniano. A presenza de Javad Zarif en Biarritz foi o efecto mediático máis comentado. Macron, o anfitrión deste encontro de líderes mundiais, busca reavivar o papel de Francia como potencia de equilibrio e tamén que Trump rectifique, que cesen as sancións econónicas a Teherán e se recupere a estabilidade lograda co tratado asinado baixo o mandato de Barack Obama.

"Sen comentarios", respondía Trump ás preguntas dos xornalistas, que pretendían aclarar rumores contraditorios: desde que Trump non fora informado da presenza de Zarif ata que estaba prevista unha conversa privada entre o presidente dos Estados Unidos e o político iraniano. Ambos extremos foron desmentidos pola Administración francesa.

O presidente español foi invitado ao encontro polo anfitrión, e asistiu á cea do G7 na localidade fronteiriza. España non está no club, pero preséntase como un aliado clave de Francia na Unión Europea. No encontro de onte discutiuse tamén a readmisión de Rusia, que só foi apoiada por Trump, e asuntos como a guerra comercial coa China, o brexit ou a necesidade de reforestar as áreas da Amazonia afectadas polos incendios.

Noticias web

26/08/2019