CRTVG

Buscar

O centro histórico de Lugo quere ser patrimonio mundial

Publicado o 01/10/2019 20:19

Lugo ten tres monumentos que son Patrimonio da Humanidade. Ademais da muralla romana, gozan desta distinción a catedral e mais o Camiño Primitivo. Xunto con Santiago é xa, de feito, a cidade galega con máis bens mundiais. Pero dende este ano, a capital luguesa aspira a ter un novo elemento na lista. Trátase do centro histórico. 

Guido Álvarez Parga, guía oficial de Turismo de Galicia e impulsor da campaña: "Sabemos claramente que a muralla e a catedral xa o son e que o Camiño Primitivo a Santiago tamén o é. E todo o conxunto aspira a selo, entre outras cousas polos vestixios romanos. Somos unha cidade chea de patrimonio romano. É a gran característica de Lugo".

O recinto histórico de Lugo non deixa indiferente a ningún visitante, con xoias coma o propio consistorio, que é un dos máximos expoñentes do barroco civil galego, ou o pazo episcopal, tamén barroco.

"Merece a pena vir ver o centro histórico. Vese moi coidado e moi bonito". "Dende logo, se é posible teríano que conseguir. Iso atrae moito máis turismo".

A campaña a prol da candidatura goza cada día de máis adhesións. Incluídas as administracións locais, que lle están a dar un maior pulo. 

Guido Álvarez Parga, guía oficial de Turismo de Galicia e impulsor da campaña: "A aspiración a ser patrimonio mundial probablemente vai ser lenta, pero creo que é moi interesante que dende xa todos os lucenses nos unamos a favor desta declaración reclamando a beleza e o patrimonio da nosa cidade".

E é que as rúas do centro desta cidade bimilenaria, que aspiran a ser patrimonio de todo o mundo, están cargadas de vida e de historia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/10/2019