CRTVG

Buscar

Luca Chao prevé que a negociación para a candidatura unitaria comece en xaneiro

Publicado o 23/12/2019 13:42

A viceportavoz do Grupo Común da Esquerda e membro da dirección de Podemos, Luca Chao, avanzou este luns que será no mes de xaneiro cando se "reactiven" as conversas para configurar unha candidatura unitaria para as eleccións galegas.

Despois de que a asemblea de Anova decidise tender pontes con Podemos e Esquerda Unida para volver presentarse de forma conxunta aos comicios galegos do próximo ano, os contactos aínda non se iniciaron, pero Chao considera que urxe comezar as negociacións.

"Que teñamos constancia, non houbo ningunha comunicación; hai agora unha parada polo Nadal e xaneiro será o momento en que se reactive" a comunicación entre as formacións, explicou a parlamentaria nun almorzo informativo para facer balance da actividade do período de sesións que finaliza.

Neste sentido, a deputada pertencente a Podemos considerou que será posible conformar unha lista unitaria con Anova, formación que non concorreu ás eleccións xerais ao non alcanzar un acordo coas organizacións que configuraban En Común.

A pesar desa falta de entendemento que derivou en que Anova non apoiase o proxecto de Podemos e Esquerda Unida para os comicios xerais dos pasados meses de abril e novembro, Chao asegurou que "o dialogo nunca rompeu e foi permanente neses meses e anos".

"Somos organizacións que levamos moito tempo traballando xuntos, e vai continuar con total normalidade", sinalou.

Ao preguntarlle pola designación do ex-alcalde de Santiago Martiño Noriega como responsable de relacións políticas e encargado de encabezar as negociacións de Anova coas forzas á esquerda do PSOE, Chao preferiu non pronunciarse.

"Non podemos valorar se sería máis sinxelo (con Martiño Noriega) que con outros compañeiros; seguro que con calquera persoa que escolla calquera organización o dialogo será frutífero", incidiu.

Por iso, Luca Chao destacou a potencialidade do seu proxecto electoral, ao indicar que despois de "un ano difícil" marcado pola ruptura de En Marea o pasado mes de xuño e a exhibición das continuas desavinzas entre os socios parlamentarios, ao seu xuízo, evidenciouse a consolidación dun "proxecto á esquerda do PSOE".

Agora, e coas eleccións galegas á vista, é o "momento de mirar para adiante e demostrar que hai alternativas ao PP, aos recortes e á austeridade", concluíu.