CRTVG

Buscar

Últimos preparativos na Coruña e Panxón para vivir a noite máis máxica do ano

Publicado o 21/06/2019 16:13

Na Coruña utliman xa os preparativos para a celebración do San Xoán, declarado Festa de Interese Turístico Internacional. Moitos andaron xa á procura da sardiña para non arriscarse a quedar sen ela. Hoxe xa ía máis cara, entre oito e dez euros o quilo. E, como marca a tradición, hai quen tamén conseguiu xa as herbas de San Xoán.

O San Xoán está xa á volta da esquina e na Coruña prepáranse para a celebración. Xa hai 600 solicitudes para montar as cacharelas en distintos puntos da cidade, malia que agardan que cheguen ás mil.

O epicentro da festa, un ano máis, estará na praia de Riazor. Aquí ultiman xa a montaxe da falla que arderá contra a medianoite.

Entrementres, á media mañá, a sardiña seguía chegando a este mercado da praza de Lugo. De onte a hoxe case duplicou o prezo.

Pero a noite das fogueiras achega tamén un ritual imprescindible... as herbas de San Xoán.

E para que todo transcorra sen incidencias, máis de 500 persoas velerán pola seguridade dos sanxoaneiros nunha longa noite de troula.

Panxón

A montaxe  das cacharelas avanza sobre o areal de Panxón, que celebra estes días as súas festas patronais. A organización agarda unhas vinte mil persoas, e para velar por elas hai un gran operativo de seguridade 57 axentes da Garda Civil, vinte e seis axentes da policía local de Nigrán e doutras localidades, o Grupo de Emerxencias Supramunicipal e Proteción Civil, un hospital de campaña, ambulancias e mesmo un punto violeta para evitar as agresións sexistas.

Desde a Policía Local recomendan aparcar en Patos ou ao final de Praia América, e non deixar cousas á vista nos vehículos. Hai tamén a opción de regresar a Vigo en bus. A empresa que fai o traxecto porá máis dunha ducia de autobuses a partir das cinco da madrugada.

Tamén traballan arreo en peixerías coma esta: Fernando xa ten na cámara 200 quilos de sardiña, cen deles xa están reservados. Considera que vendería o dobre de non caer a festa en domingo.

E a tradición manda tomalas con pan de millo. Nesta panadería centenaria elaborarán 120 quilos de pan de millo coa receita máis tradicional.

A choiva e a longa fin de semana festiva amenazan a festa, pero aquí en Panxón o ánimo non decae e xa están máis que preparados para vivir a noite máis máxica do ano.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/06/2019