CRTVG

Buscar

As bases de Podemos en Galicia danlle o si a unha coalición electoral

Publicado o 21/02/2020 09:58

• O 83,8 por cento dos inscritos apoiaron a unión con outras forzas progresistas

O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, confirmou esta mañá no Bos días que os inscritos amosaron o seu apoio "claro a unha proposta de construír un espazo con outros compañeiros e compañeiras para concentrar o voto de cara ao 5 de abril".

Pouco despois desta entrevista facíanse públicos os datos. Os rexistrados de Podemos Galicia apoiaron, cun 83,8 por cento dos votos, unha coalición con outras forzas progresistas.

Na enquisa exprés lanzada por Podemos pouco antes de que se peche o prazo para rexistrar as coalicións participaron 3.728 persoas, das cales 3.123 dixeron si.

"Temos que estar á altura da responsabilidade histórica. Creo que hai moita xente que quere unha papeleta de Galicia en Común, pero ampliando ese espazo á sociedade civil e a outros partidos, e creo que o imos ter", asegurou Gómez-Reino.

"Hai que acabar de ver as cousas", dixo o líder de Podemos en Galicia para referirse ao acordo con Anova, "levamos días traballando niso e eu son moi optimista e estamos cerca de cumprir co mandato dunha parte importante da cidadanía galega".

"Nós agora mesmo estamos no proceos de primarias, e parece que son único candidato", dixo Gómez-Reino sobre a súa candidatura.

"O día que Luís Villares anunciou a súa marcha a xo dixen, con todo o respecto. Creo que a decisión vai no sentido común do que fala moita xente que creo que é a de concentrar o voto, e nese sentido creo que vai a decisión de Luís Villare e de En Marea", asegurou para referirse a un posible achegamento.

"A listas vanse encaixar con comodidade. Todo o mundo ten que achegar", dixo Gómez-Reino, que tamén asegurou que quedan unhas semanas para mobilizar o electorado.

"Feijóo busca baixa participación, e temos que mobilizar o voto progresista, se é así, cambio imparable", dixo Gómez-Reino.


Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/02/2020