CRTVG

Buscar

López Obrador revisará os contratos de Pemex con Barreras e Navantia

Publicado o 25/06/2019 19:03
López Obrador revisará os contratos de Pemex con Barreras e Navantia

O Goberno de México está a revisar unha serie de contratos con estaleiros españois da petroleira estatal Pemex ao considerar que estes acordos "non ofrecían un trato xusto" para a compañía azteca, segundo anunciou en conferencia de prensa o presidente mexicano, Andrés Manuel López Obrador.

"Estamos a revisar contratos de empresas que se teñen en España con estaleiros españois onde non había un trato xusto para Pemex", anunciou o presidente mexicano, sinalando que "se está levando a cabo unha limpa xeral" en referencia ás empresas creadas arredor da petroleira estatal e ao "tráfico de contratos e de compras con sobreprezo". 

"Podo dicirlles que se acabou a corrupción en Pemex", asegurou López Obrador, sinalando que estas empresas que existían e eran independentes xa teñen control da dirección de Pemex.

Pemex selou acordos con Galicia que pasaron pola realización de floteis e a entrada no estaleiro vigués de Barreras, tras as negociacións mantidas coa Xunta, aínda que varias promesas non se viron cumpridas sobre o inicialmente anunciado.

O estaleiro Barreras asegura que non ten "ningunha noticia" 

O presidente executivo de Hijos de J. Barreras, José García Costas, asegurou que non ten "ningunha noticia directa" sobre o anuncio do presidente de México, Andrés Manuel López Obrador, dunha revisión de contratos de Pemex con estaleiros españois. 

En declaracións a Europa Press, García Costas insistiu en que a empresa estatal azteca Petróleos Mexicanos (Pemex) realizou encargos a Armón e outros estaleiros, como Navantia, ademais de ao vigués. En concreto, PMI Holdings, filial de Petróleos Mexicanos, conta, desde 2013, co 51 por cento do capital de Hijos de J. Barreras.

A negociación que o posibilitou foi auspiciada pola Xunta e, finalmente, levou dous encargos en Galicia, en Navantia e Barreras, aos que se sumaron proxectos contratados cuns vinte estaleiros máis. 

Ao preguntarlle por un posible abandono do accionariado de Barreras por parte da empresa mexicana, García Costas afirmou que non houbo ningunha modificación respecto da participación da filial azteca e asegurou descoñecer se podería realizarse algunha no futuro.   

Noticias web

25/06/2019