CRTVG

Buscar

Loitar contra o despoboamento ou os incendios forestais, principais retos no Día Internacional das Montañas

Publicado o 11/12/2019 20:50

Situada na serra do Courel, na aldea de Leixazós só reside a día de hoxe unha familia. É un dos moitos exemplos de núcleos rurais en risco de desaparición na montaña luguesa, xunto coa súa cultura, as súas tradicións e todo un estilo de vida. Co fin último de protexer este patrimonio inmaterial, así como os bosques ou os ríos destas áreas, a ONU celebra nesta xornada o Día Internacional das Montañas.

Moncho Vila, encargado do Museo Etnográfico de Quiroga: "Un dos principais problemas que teñen estas montañas, como moitas outras montañas do mundo, é o despoboamento, que é consecuencia da falta de serivzos e de futuro. A xente optou polo máis fácil, que era marchar na procura dunha vida máis fácil".

O despoboamento implica tamén un empeoramento da condicións medioambientais. Debido á falta de coidados humanos, prolifera en exceso a vexetación, en especial a invasora, o que incrementa o risco de incendios forestais.

Moncho Vila, encargado do Museo Etnográfico de Quiroga: "É un dos problemas máis graves que poden chegar a afectar esta zona. Un incendio trae consigo a desertización e a posibilidade de que as riadas leven cantidades de terra sobre as aldeas, sobre as estradas e demais".

Fomentar a repoboación destas áreas de montaña, cun aproveitamento sustentable dos seus recursos naturais, é un dos grandes desafíos para este século.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/12/2019