Logran desaloxar unha vivenda na Coruña que levaba un ano ocupada
Esta mañá unha empresa afanábase en arranxar a morea de estragos que causou o okupa neste chalé da Zapateira.
"O que fixo foi desmontar todo o que puido. Levou lavabos, as billas... todo o que podía aproveitar para vender. Estragou a casa por dentro e tamén por fóra: ventás, portas, enreixado... todo o que podía levar foino levando. Ás veces non estaba. El quería negociar coa entidade bancaria, a propietaria, pero ao final marchou", di Juan Sánchez Albornoz, presidente da asociación de veciños da Zapateira.
A entidade bancaria logrou recuperar o chalé de algo máis de 600 metros cadrados e que estaba á venda por 750.000 euros, grazas á veciñanza.
"Os veciños alertaron de que estaba desmontando as ventás e de que a vivenda estaba libre case todo o día. Os propietaron avisaron a Garda Civil, viñeron, comprobaron que non estaba e tomaron xa posisión da propiedade", explica Sánchez Albornoz.
Custoulles preto dun ano. Foi en xaneiro cando os seis membros dunha familia chegaran aquí. Catro meses despois a muller e os seus fillos, de 18 meses, 4, 6 e 10 anos, aceptaron a axuda prestada pola Xunta de Galicia e marcharon. O home quedou só aquí e non permitía acceder á vivenda. Pero esta non foi a única da zona ocupada neste 2020.
"A raíz do confinamento, houbo varias ocupacións. Nós preocupámonos moito porque viamos que isto podía tornar nun efecto chamada. E foi cando nos mobilizamos. Pero a día de hoxe non hai ningunha ocupación máis. Esta era a única que quedaba".
Agora amósanse contentos e, sobre todo, tranquilos.