CRTVG

Buscar

Localizan máis de 4.000 doses de cocaína nunha nave abandonada de Redondela

Publicado o 20/05/2019 20:29
Localizan máis de 4.000 doses de cocaína nunha nave abandonada de Redondela

A Policía Nacional comisou 4.119 doses de cocaína ocultas entre uns palés no exterior dunha nave abandonada do Viso, en Redondela, segundo informaron fontes oficiais. O achado produciuse no marco dunha investigación iniciada a principios de mes sobre o presunto tráfico de estupefacientes neste municipio pontevedrés, e na que as pescudas se centraron na citada nave.

A pasada madrugada, unha patrulla inspeccionou a zona e localizou a droga entre uns palés, ocultos á súa vez por uns bloques de cemento e por unha chapa metálica de grandes dimensións. No seu interior había un bote de gran tamaño coa cocaína, ademais dunha báscula de precisión e outros aveños e efectos. Unha vez nas dependencias policiais, os investigadores lograron confirmar que a substancia comisada era cocaína e que superaba amplamente as 4.000 doses, cun valor final no mercado ilícito de máis de 77.000 euros.

Esta intervención, en que non hai detidos polo momento, foi levada a cabo por axentes da Brigada de Seguridade Cidadá, e tanto a droga como as dilixencias practicadas foron postas ao dispor do xulgado de instrución de garda de Redondela. 

Noticias web

20/05/2019