CRTVG

Buscar

Localizan anacos de carne con puntas nun parque infantil do Carballiño

Publicado o 02/05/2019 17:50

Denuncian a aparición de anacos de carne con alfinetes esparexidos pola praza da Veracruz, no Carballiño. Foi a propietaria dun can que estivo a piques de comer un a que alertou a Policía Local. Non é a primeira vez que colocan trampas nesta zona, polo que llo atribúen a xente molesta pola presenza de mascotas. As autoridades advirten de que se trata dun delito e da gravidade do feito porque na zona tamén xogan nenos e hai un parque infantil.

Maluma xoga hoxe de novo pola praza da Veracruz do Carballiño, allea ao risco que correu onte. A rápida reacción da súa dona, Beatriz, evitou que pudera sufrir consecuencias graves se tragara o anaco de xamón que collera do chan. Estaba cheo de alfinetes.

Beatriz Requejo, dona do can: "Eu quedei con este porque si e ao pouquiño xa vin que metía algo na boca, saqueillo e xa vin que era un anaco de xamón serrano con alfinetes dentro. Entón xa chamei a Policía Local, xa viñeron".

Axentes da Policía Local e Protección Civil inspeccionaron a zona e localizaron media ducia de cebos semellantes esparexidos pola praza. Non dubidan da intencionalidade da súa colocación e advirten do grave risco que poden supoñer tamén para os nenos que adoitan xogar neste espazo verde e no parque próximo. 

Guillerme Alén, policía local do Carballiño: "Isto podería ser un feito moi grave, xa non só polo sitio, senón que se pode comprobar que a escasos 50 metros hai un parque infantil. Xa non só cremos que sexa con intencionalidade de facerlle dano aos animais, pero que ao advertir que a intencionalidade pode ir máis alá". 

Beatriz Requejo, dona do can: "Que pode ser que o coma un can, pero tamén un neno pequeno que nun descoido dos pais pode levar o anaco de xamón ou do que sexa á boca".

Non é a primeira vez que atopan trampas dirixidas ás mascotas nesta zona. Cren que é obra dalguén molesto pola súa presenza ou polo comportamento incívico dalgúns donos de cans que non recollen os excrementos, pero os porpios veciños da zona cren que non xustifica este tipo de accións.

Noticias web

02/05/2019