CRTVG

Buscar

Localizado o cadáver dun home a dúas millas do cabo Prioriño

Publicado o 22/09/2020 18:24
Localizado o cadáver dun home a dúas millas do cabo Prioriño

A embarcación Salvamar Betelgeuse, de Salvamento Marítimo, rescatou sobre as 14:00 horas deste martes, 22 de setembro, o cadáver dun home que flotaba a unhas dúas millas ao oeste do cabo Prioriño, na entrada da ría de Ferrol, nas inmediacións do porto exterior de Caneliñas. 

O avistamento do corpo sen vida produciuse minutos antes, sobre as 13:20 horas, por parte de integrantes da tripulación do pesqueiro Primeiro Victoria, que comunicaron que localizaran nesta zona un cadáver que vestía roupa negra e zapatillas brancas. De inmediato activou Salvamento Marítimo un dispositivo para recuperar este corpo sen vida e trasladou á zona o Salvamar Betelgeuse, que participaba nas tarefas de procura dun pescador desaparecido na zona de costa de Covas, tamén en Ferrol, onde embarcaron tamén axentes da Garda Civil e da Policía Científica, segundo sinalaron fontes do dispositivo.

Tras recuperar o corpo, a embarcación tomou rumbo ao peirao de Oza, na Coruña. Fontes de Salvamento Marítimo confirmaron que estes restos mortais recuperados non se corresponden co pescador de 59 anos, veciño de Narón (A Coruña), que se busca nas proximidades das praias de Santa Comba e Ponzos desde este luns, nun dispositivo que continua activo.