CRTVG

Buscar

Localizada unha muller desaparecida en Asturias grazas a un mozo de Lugo

Publicado o 14/10/2020 12:24
Localizada unha muller desaparecida en Asturias grazas a un mozo de Lugo

Axentes do Corpo Nacional de Policía (CNP), adscritos á Comisaría Provincial, lograron localizar "nun punto agreste da montaña de León" unha muller de mediana idade que desaparecera en Asturias, tras manter contacto telefónico con ela durante máis de corenta e oito horas.

Segundo informou a propia Policía Nacional, un mozo lucense denunciou na comisaría que unha amiga súa asturiana, coa que realizara un roteiro de montañismo polos Alpes franceses, o chamara ao seu regreso a España e que lle dixera que tiña intención de suicidarse.

Inmediatamente, púxose en marcha o protocolo de procura de desaparecidos por parte da Policía Xudicial de Lugo e, "cos medios técnicos e persoais ao seu alcance", os axentes da Comisaría Provincial lograron localizala o 29 de setembro, pola tarde,"nun punto agreste da montaña de León, de complicada localización".

A Policía Nacional avisou ao cuartel da Garda Civil da zona.

Ademais, desde que lograron "manter o primeiro contacto coa desaparecida", os axentes non o perderon "en ningún momento" e, "en horas distintas, tanto de día como de noite, desde o domingo -29 de setembro- ata o martes -día 2 de outubro-" mantiveron comunicación telefónica con ela, salvo cando o seu móbil perdía cobertura.

Como non achegaba datos para facilitar a súa localización, os axentes negociaron con ela "unha forma de auxiliala", ata que finalmente conseguiron convencela para que aceptase ser socorrida.

Foi localizada, precisa a Comisaría Provincial nun comunicado, "en perfecto estado de saúde", nun "zona de montaña, escabrosa", a onde os servizos especializados neste tipo de terreo "tardaron varias horas en chegar".

Posteriormente, a muller presentouse nas dependencias policiais de Lugo para agradecer aos axentes o traballo realizado para facilitar a súa localización e a "axuda prestada en todo momento".