CRTVG

Buscar

Lito négase a declarar tras ser apto para ser xulgado por fraude fiscal

Publicado o 21/09/2020 18:06
Lito négase a declarar tras ser apto para ser xulgado por fraude fiscal

O empresario Anxo Martínez Pérez, Lito, coñecido popularmente como o 'rei das orquestras' en Galicia, negouse a declarar ante a Audiencia de Pontevedra tras ser declarado apto para ser xulgado por fraude fiscal.

O xuízo, que fora suspendido en catro ocasións, comezou este luns despois de que o tribunal da sección segunda da Audiencia pontevedresa concluíra que o empresario "comprende" a acusación contra el e é "capaz de participar na súa defensa".

Foi despois de que unha psicóloga do Instituto de Medicina Legal de Galicia presentara un informe que reflicte, tras examinar o acusado, que non se detectaron nel dificultades na memoria a longo prazo nin ningunha incapacidade comprensiva.

O avogado de Lito, Carlos Seoane, lamentou que dito informe fose "incompleto" ao só valorar o estado mental do seu defendido a nivel psicolóxico, sen ter en conta cuestións psiquiátricas nin neurolóxicas.

"Se é incapaz de manexar unha cafeteira Nespresso, non vai ser capaz de enfrontarse a un xuízo", explicou o letrado, que lembrou que un xulgado do social xa declarou a incapacidade do empresario e reclamou o arquivo provisional da causa aberta contra el.

Tras comezar a vista oral, Lito acolleuse ao seu dereito a non declarar alegando que non estaba "en condicións" nin sentía "preparado".

O xuízo retomarase o vindeiro xoves coa declaración do segundo acusado nesta causa, Javier Arca Casal, como representante legal de Representacións Lito SL, empresa da que Anxo Martínez Pérez ten o 51% das accións.

Neste procedemento, Lito está acusado de seis delitos contra a Facenda Pública por non tributar o debido no imposto de sociedades, o IRPF e o IVE/IVE de 2011 e 2012, polos que a Fiscalía solicita catorce anos de prisión.

Por estes feitos, o empresario xa foi condenado en 2018 a doce anos de cárcere e ao pago de case 47 millóns de euros, pero o Tribunal Supremo anulou o fallo e ordenou repetir o xuízo.