CRTVG

Buscar

Gonzalo Caballero, satisfeito coas candidaturas aprobadas por Ferraz

Publicado o 19/03/2019 09:15

• A número tres do PSOE ao Senado por Ourense, Eva Maldonado, renunciou á súa candidatura

O secretario xeral dos socialistas galegos está satisfeito coas candidaturas aprobadas por Ferraz, a pesar do malestar que xerou en Lugo ou en Ferrol. Gonzalo Caballero di que os elixidos son os mellores e cre que as tensións non lle van pasar factura ao partido. Caballero amosou o seu respecto pola renuncia de Vázquez Barquero a liderar a lista á alcadía de Ourense. 

O líder dos socialistas galegos non quixo pronunciarse sobre o futuro dos aspirantes ás alcadías de Ferrol ou A Coruña, prexudicados polos cambios introducidos por Ferraz nas listas electorais. Gonzalo Caballero si mostrou o seu respecto pola decisión de quen ía ser o candidato á alcaldía de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero.

Barquero renunciou a liderar a lista e dimitiu como concelleiro alegando motivos pesoais tras os cambios nas candidaturas. O seu home de confianza, García Tejerina seguiu os seus pasos.

José Ángel Vázquez Barquero, PSdeG-Ourense: "Quero facer fincapé en que non deixo a política e moito menos o Partido Socialista, vale, por que?, pois por unha razón moi sinxela, porque a miña decisión é unha decisión tomada en clave persoal e que ninguén vexa outro tipo de connotacións cando non existen".

En Lugo, Sonsoles López quedou relegada en favor de Ana Prieto, apoiada pola dirección galega.

Sonsoles López, candidata do PSdeG-Lugo: "A militancia de Lugo falou, falou alto e claro e, en fin, os órganos competentes na materia, que por suposto acatamos, tomaron outras decisións e serán eles os que terán que dar as explicacións oportunas".

O líder dos socialistas galegos cre que estas tensións na elaboración das listas son habituais, pero que non lle van afectar a un partido que, segundo dixo, ten moito banco e non está na batalla dos cargos.

Gonzalo Caballero, secretario xeral dos PSdeG: "E se a miña batalla non é a batalla por estar nos cargos ou ter determinadas posicións institucionais, senón da causa colectiva, creo que todo o mundo debera entender que a causa colectiva está por riba de calquera tipo de cuestión individual".

Caballero destacou o feito de que catro mulleres encabecen as listas ao Congreso nas catro provincias galegas.


 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/03/2019