CRTVG

Buscar

Liberada en Leganés a muller secuestrada pola súa ex-parella

Publicado o 14/10/2019 14:16

A policía liberou este mediodía á muller que fora secuestrada pola súa ex-parella nun piso de Leganés. O secuestrador retivera tamen os dous fillos desta, de 12 e 14 anos, pero deixáraos libres a primeira hora da mañá.

Todo comezara a primeira hora da mañá, cando os veciños escoitaron berros e ameazas de morte no piso, localizado no barrio da Fortuna, de Leganés.

A policía chegou de inmediato á zona e comprobou que un home estaba atrincheirado na vivenda coa súa ex-parella e cos dous fillos desta, unha rapaza de 12 anos e un rapaz de 14, que saíron ilesos da vivenda.

Durante toda a mañá a policía tratou de convencer o secuestrador para que deixase libre tamén a muller. Foi a mediodía, despois de cinco horas, cando un equipo do Grupo Especial de Operacions enviado á zona lle puxo fin ao secuestro.

A muller está en bo estado de saúde e o secuestrador quedou detido; ambos os dous foran parella tempo atrás e todo indica que el actuou movido polos celos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/10/2019