CRTVG

Buscar

Levan cartos e bebidas no asalto a un céntrico bar da Coruña

Publicado o 13/10/2020 14:12

Un establecemento da rúa Juan Flórez da Coruña leva pechado por segundo día como consecuncia do asalto acontecido onte de madrugada. Rebentáronlle a pechadura e, unha vez dentro, os ladróns remexeron e ocasionaron estragos na busca de cartos. O seu dono, con resignación, di que temía que lle pasaría porque xa sucedeu en varios locais da contorna recentemente.

Jorge Otero, propietario de Casa Ponte, di que lle levaron botellas de destilados de alta gama, sen abrir. "Non levaron botellas empezadas. Nin levaron viños normais. Levaron viños caros. E cartos. Levaron o fondo de caixa, máis o cambio, pois; ao redor de case, case 2.000 euros", asegura. 

O dono de Casa Ponte cifra a contía por estragos en máis de 2.500 euros e ás perdas súmanse o peche necesario para rehabilitar o danado e para as pescudas da policía: "Se sumamos todo, a perda vaise facilmente aos 5.000 - 5.500 euros. Por levar eles mil e pico, o dano multiplícano por cinco".

Segundo Otero, os presuntos autores estarían identificados como parte dun grupo de orixe alxerina que actúa pola zona: "Non só son roubos e estragos en coches gratuítamente, tamén hai rapazas ás que asustaron. Rapazas que entran nos locais hosteleiros á noite pedindo axuda, porque as están seguindo. Logo, claro, eles desaparecen e aquí non pasa nada".

"Son todos xente moi noviña, entre 18 e 25 anos. Pero xa hai quen está a falar de que hai un xefe de banda organizada, que vai dando voltas pola rúa cun coche, amarelo en concreto, e que vai preparando os asaltos e roubos", engade.

A policía recolleu dentro do local unha das botellas que os ladróns colleron e que, ao final, deixaron onda a porta.

Noticias web

13/10/2020