CRTVG

Buscar

Leite e conservas, necesidade urxente para o banco de alimentos

Publicado o 07/09/2020 13:56

O Banco de Alimentos da Coruña pide con urxencia leite e conservas de peixe, sobre todo. As recollidas que fan todos os anos non se puideron facer por mor da COVID-19, pero o número de persoas que necesitan a súa axuda medra. Teñen moitos andeis baleiros no seu almacén, algo que non pasou nunha década. Así está o almacen do Banco de Alimentos Rías Altas. A pandemia estalles a pasar unha factura ben dura. Teñen que continuar repartindo a diario seis mil quilos de alimentos para as persoas máis vulnerables a través de máis dun cento de entidades solidarias. As necesidades son moitas.

"Estamos baixo mínimos. Quedan 1.600 quilos, que para nós non é nada, repartímolos en catro días. Galletas, conservas, comida preparada, salsa de tomate, alimentos infantís tamén, droguería, algo de droguería tamén", di Javier Rivas, vogal do Banco de Alimentos Rías Altas.

Aquí, no centro de distribución aínda teñen material, pero din que pouco lles vai durar. Desde o Banco de Alimentos fíxose un chamamento público para que todo aquel que poida doe produtos de primeira necesidade. Nun ano normal recollen preto de dous millóns de quilos de alimentos; a COVID-19 deixou esa cifra reducida prácticamente á metade, malia que traballaron todos os días do confinamento, mañá e tarde.

"Hai xente que vive nun cuarto, non ten cociña. Ao mellor dámoslle pasta pero non ten onde cociñala, entón as conserva vexetais e de peixe, xunto coa comida preparada, danlle unha solución a esta xente", explica Javier Rivas.

Distribuen alimentos a preto de 18.500 persoas, unha cifra que medrou nos últimos meses e que se puxo preto das 20 mil debido á situación sanitaria e á crise económica provocada polo coronavirus. Os bancos de alimentos de toda España sufriron de desabastecemento nos últimos meses. Malia todo, puideron manter, ao límite, as axudas grazas a que numerosas empresas realizan mensualmente doazóns.

Noticias web

07/09/2020