CRTVG

Buscar

Lea política a conta da actuación dos Mossos durante os disturbios

Publicado o 24/10/2019 11:33

Boa parte da sesión de control ao Goberno catalán de onte centrouse na incomunicación entre o presidente Quim Torra e Pedro Sánchez, pero tamén no papel dos Mossos d'Esquadra durante os disturbios da semana pasada. 

Ademais, 300 empresarios cataláns asinaron un comunicado no que lles piden aos dous presidentes que senten a falar e negociar unha solución ao conflito catalán. 

Fronte aberta entre o Govern catalán e os Mossos d'Esquadra á conta da súa actuación durante os altercados. A Consellería de Presidencia ordenou aos servizos xurídicos que non se presenten como acusación contra os 104 detidos polos disturbios da semana pasada. E ademais, Quim Torra ordenou abrir unha comisión de investigación sobre a actuación policial. Os da CUP esixíronlle a dimisión do conseller de Interior, Miquel Buch.

Pero o conselleiro do Interior desmárcase de Torra, di que a orixe do conflito é política e que os propios Mossos teñen métodos de autoanálise e de fiscalización ante mala praxe.

Ante o cuestionamento da actuación policial, o comisario xefe dos Mossos emitiu un comunicado en que lles agradece a profesionalidade e espírito de sacrificio a pesar, di, da complexidade da situación, en que as súas accións non foron entendidas nin compartidas, engade.

E onte tamén alzaron a súa voz os empresarios. As dúas patronais catalás esíxenlle a Torra e Sánchez e aos partidos que deixen de lado os intereses electoralistas e cheguen a acordos polo ben da paz social.

O Ministerio de Fomento calcula que os disturbios causaron máis de 7 millóns de euros en danos en infraestruturas do Estado. Só reparar os danos no aeroporto do Prat custará máis dun millón de euros. Os estragos en vías ferreas 600.000, e os das estradas e autoestradas case 400.000 euros. Tamén o Concello de Barcelona pechou o balance definitivo dos estragos na cidade: tres millóns cen mil euros.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/10/2019