CRTVG

Buscar

Lea de comunicados entre o Elxe e o Fuenlabrada

Publicado o 02/08/2020 20:24

Agárdase a postura da LFP sobre a liga de 24 equipos en Segunda División

O tempo pasa e non se albisca solución para liquidar a temporada na Segunda. Medra o nerviosismo e o Elxe e mais o Fuenlabrada, que disputan o último posto para a fase de ascenso, enleáronse nun cruzamento de agresivos comunicados. O Elxe pediu unha solución inmediata para o conflito e acusou o Fuenlabrada de neglixencia, raiando o dolo e obstrución do caso, amais de alterar a competición e orde deportiva. Hai unha semana as súas palabras eran ben distintas, moito máis amables, cara ao club madrileño. Tan atacado se sentiu o Fuenlabrada que respondeu con outro comunicado en que avisaba de posibles accións legais, ao tempo que negaba as acusacións.

O adestrador do Fuenlabrada, José Ramón Sandoval, di que os eu equipo está agardando unha data para xogar contra o Deportivo. Pero semella que o desenlace da Liga está lonxe do verde de Riazor, máis ben nos despachos ou nos xulgados.

O xuíz Xosé Antonio Vázquez Taín falou para o programa Galicia en goles da Radio galega e deixou claro que unha solución pactada é a única con garantías. "Gústenos ou non, isto pasa por unha saída pactada. Ou se busca unha saída consensuada no eido deportivo ou senón no eido xurídico atopámonos con que teremos que comezar outra vez a liga ou que teremos que cambiar no medio dunha liga os membros da mesma e esto pode ser moi difícil de cumprir".

O proposta está feita por parte da Federación e falta a resposta da liga, e sobre todo o que decidan os clubs en asemblea. Hai discrepancias xurídicas sobre quen ten a última palabra, se a liga ou a Federación. Expertos consultados pola Televisión de Galicia apuntan que o convenio entre os dous organismos esixe un acordo para modificar as condicións actuais, que falan de 22 equipos e 4 descensos. O convenio está vixente ata 2024. Aínda así, a loita polas competencias entre a Liga e Federación é total e dificulta un pacto que podería forzar o Consello Superior de Deportes, tal e como fixo para o recomezo da competición.

Noticias web

02/08/2020