CRTVG

Buscar

O PSOE busca o apoio do BNG para a investidura de Sánchez

Publicado o 18/11/2019 08:05

Avanza o calendario das negociacións para formar goberno. PSOE e Unidas Podemos reúnen hoxe as súas executivas e Izquierda Unida anuncia que tamén eles van facer unha consulta á militancia sobre a coalición.

No día en que os deputados comezan a recoller as súas acreditacións no Congreso, é a quenda no nacionalista galego Néstor Rego, que se reunirá a mediodía con Adriana Lastra. O BNG recupera a voz no Congreso dos Deputados, despois de catro anos de ausencia. Hoxe, Néstor Rego expoñeralle á vicesecretaria xeral do PSOE cales son as condicións da formación nacionalista para apoiar a coalición das esquerdas.

"Estamos a favor de ter un diálogo que permita un desbloqueo da situación, pero temos moi claro que a nosa prioridade vai estar na defensa dunha axenda galega", adiantou Ana Pontón.

Axenda á que o Bloque suma outros dous requisitos: a recuperación das liberdades e dereitos sociais e o respecto por un marco de plurinacionalidade.

Este último aspecto das negociacións é o que máis lle molesta ao Partido Popular. Esta fin de semana o seu vicesecretario de participación acusou a Sánchez de non ter palabra e apelou a outras voces no PSOE para que freen o pacto con Podemos. 

"Un PSOE que no seu momento lle dixo non ao señor Sánchez e ao seu intento de acordo cos populistas e aos independentistas, ese é o PSOE ao que apelamos agora para que force o señor Sánchez a que rompa o pacto con Podemos", dixo Jaime de Olano.

Esta mesma fin de semana apoiou o pacto con Podemos o ex-presidente Zapatero, quen dixo ademais que un diálogo valente e decidido é o único xeito de resolver o problema de Cataluña.

"Non hai unha alternativa para a crise que tivemos en Cataluña que o diálogo, que ten que ser aberto, sincero, que non cese e no que obviamente cada un poida propoñer todas as alternativas, sabendo como deben saber os independentistas que a estas alturas fixeron unha viaxe a ningunha parte", explicou.

O PSOE pactou esta vez con Unidas Podemos que serán os socialistas os encargados en exclusiva das negociacións con Esquerra. A militancia socialista votará o día 23 sobre a coalición cos Morados, e tamén Izquierda Unida realizará unha consulta ás bases sobre o pacto cos socialistas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/11/2019