CRTVG

Buscar

Lanzamento accidentado do globo de papel do barrio dos Castros

Publicado o 24/08/2019 14:26

Era a segunda tentativa despois do lanzamento frustrado do 16 de xullo. Daquela o vento impediu que o gran globo de papel se elevase no ceo coruñés para pechar as festas dos Castros. As condicións meteorolóxicas da noite de onte parecían propicias. Contra a medianoite o aeróstato comezou a ascender, pero topou cun obstáculo inesperado. "Prendeu no brazo do guindastre, rompeu o globo aí, deu a volta e xa ía perdendo por aí. Segundo empezou a subir xa baixou de súpeto", comentan dous veciños.

O papel do globo rachou ao chocar co guindastre dos bombeiros e comezou a arder. Uns segundos despois caía no parque, a uns trinta metros do lugar do lanzamento. "Estaba unha noite estupenda, tivo que ser un fallo de programación. O vento non pode ser escusa." "Grazas que onte non había moita xente, había unhas duascentas persoas. Se chega a ser o día da festa, que había unhas cincocentas ou seiscentas, podía haber unha catástrofe maior."

Os bombeiros apagaron o lume e ninguén saíu ferido. Os restos do globo quedaron no parque. Sucedeu algo moi parecido hai tres anos. O globo caeu pouco despois de iniciar o ascenso e unha bóla de lume impactou contra o chan, moi preto do público. Algúns veciños cren que as medidas de seguridade non son suficientes.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/08/2019