Kubala e Fabri forman parte do éxito de Diego López
Diego López vive momentos de gloria como líder de Segunda e como porteiro menos goleado da categoría, cun só gol recibido.
Nese ambiente triunfal, o meta agarda a chegada do Lugo, o equipo en que se formou e que o viu crecer.
Ahí, dous homes traballaron cóbado con cóbado para convertelo no futbolista que agora é. Kubala, o seu primeiro adestrador, e Fabri, quen o fixo debutar no primeiro equipo.
Kubala, exadestrador do Lugo infantil: "Este é Diego o primeiro ano que veu, que veu da Sarriana, veu con Xerardo de Paradela, é o primeiro ano de infantil que xogou no Club Deportivo Lugo que, por certo, o Lugo fichouno como defensa central, eu ficheino como defensa central. E despois probei con el e vin as condicións que tiña, díxenlle se lle gustaba e nunca esquecerei a resposta del, dime 'si, pero tamén me gusta de xogador'. Díxenlle: 'Pois seguimos así e despois cando faga adestramento específico ves cos porteiros'".
De facelo profesional encargouse Fabri, que lembra un episodio descoñecido.
Fabri, exadestrador do C. D. Lugo: "Eu recordo que quería deixar o fútbol, que quería firmar na Sarriana, dedicarse aos estudos...".
Por sorte para o fútbol, Diego López continuou xogando e fronte ao Málaga cumpriu 539 partidos oficiais. Unha carreira que os seus mestres resumen como faría el, en poucas palabras.
Kubala, exadestrador do Lugo infantil: "Home, a carreira del é excepcional".
Fabri, exadestrador do C. D. Lugo: "Penso quel foi unha persoa humilde, supertraballadora e que foi unha persoa respectuosa con el mesmo e cos demais e que esa foi a súa chave do éxito".
Un éxito do que Kubala e Fabri tamén forman parte.