CRTVG

Buscar

JxC facilita o entendemento ERC-PSOE retirando unha moción sobre autodeterminación

Publicado o 11/12/2019 08:14

Sánchez pecha hoxe a rolda de consultas co Rei, tras a que previsiblemente sairá designado como candidato á investidura.

As negociacións con Esquerra afrontan a súa recta final con xestos de achegamentos por parte dos independentistas, pero con dificultades para consensuar o formato da mesa de negociación entre gobernos.

Junts per Catalunya retira unha moción sobre autodeterminación que ía ser votada hoxe no Parlament de Cataluña e faino para non entorpecer as negociacións do seu socio do Goberno co partido socialista. A decisión, apoiada por Puigdemont en contra da opinión de Torra, facilitaría que JxC formase grupo no Senado grazas á cesión dun senador de Esquerra. Mentres, a terceira reunión en Barcelona entre PSOE e os republicanos rematou con diferenzas para consensuar o formato da mesa de diálogo.

Na nota conxunta tras a reunión fálase de "avances na definicición dos instrumentos para canalizar o conflito político" que, afirma a propia nota, desexan "abordar desde o respecto e o recoñecemento institucional mutuo". Uns termos que non gustan ao Partido Popular.  "Significa que se se produce o acordo Sánchez vai tratar de igual a igual á Generalitat de Cataluña", criticou Pablo Montesinos.

O PP comunicará hoxe ao Rei o seu non a Sánchez, sumándose ao que expresaron xa onte Foro Asturias e UPN. Nos canarios, contrasta o optimismo de Pedro Quevedo coa preocupacion de Ana Oramas que considera un disparate "que a gobernabilidade dun país estea neste momento pendente de se ten inmunidade un líder político catalán ou non".

Expresaron ademais a súa intención de desbloqueo Más País e Compromís. Pendente de se frutifican as conversas con Esquerra, expresa tamén a súa intención de contribuír ao desbloqueo o deputado de Teruel Existe. Os deputados de Galicia en Común dixéronlle o Rei que a diversidade de actores precisa para formar goberno pode ser positiva.

Sánchez pecha hoxe a rolda de consultas e a renglón seguido podería ser xa designado candidato á investidura.

Noticias web

11/12/2019