CRTVG

Buscar

Julio G. Comesaña, conselleiro de Sanidade: "O problema son as contornas de confianza"

Publicado o 20/10/2020 11:03

Hoxe visitou o Bos días Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, para analizar a evolución da pandemia en Galicia.

Hoxe reúnese o comité clínico e o conselleiro di que "os datos non son positivos e estamos vendo un incremento importante de casos. O comité tomará as medidas que considere necesarias".

En canto ás zonas que máis preocupan a día de hoxe, Comesaña di: "O que máis preocupa segue sendo Ourense, e tamén Santiago, debido ao incremento destes días. E en xeral, aínda que Galicia levaba unha tendencia estable, nos últimos días percibiuse unha tendencia ao incremento". 

Sobre a xestión de España con respecto a outros países, o conselleiro de Sanidade di que "todas as medidas están encima da mesa, pero o importante é adecualas ás necesidades epidemiolóxicas de cada zona. Levamos tempo advertindo que o problema está na contorna de confianza, non hai grandes problemas no ámbito laboral nin no educativo, pero cando saímos desa contorna relaxamonos. Tamén inflúe a época do ano en que estamos, xa que agora non é tan doado estar nunha terraza, imos tender ao interior e iso tamén vai influír".

Finalmente, sobre a posibilidade dun peche perimetral de Galicia, Comesaña di que "esa é unha ferramenta que está dispoñible e se chegásemos a esa situación sería porque chegamos a uns datos moito peores dos que temos agora. Galicia está nunha situación mellor que moitas comunidades autónomas. Tamen é certo que iso muda de súpeto e por iso non hai que pensar que non nos vai tocar. Temos que estar alerta e esa é unha ferramenta que deberemos utilizar se se dan as ciscunstancias".

Noticias web

20/10/2020