CRTVG

Buscar

Juan Guaidó pídelle á banca internacional que evite a fuga de cartos de líderes chavistas

Publicado o 28/01/2019 15:25

A situación en Venezuela segue no centro do debate político en España. PP e Ciudadanos critican que Sánchez aínda non recoñera a Juan Guaidó como presidente. Podemos censura o ultimato do Goberno a Maduro e no PSOE aseguran que manteñen a mesma posición que a Unión Europea

Nas últimas horas, a pugna polo control do país escenifícase tamén no ámbito económico. O autoproclamado presidente interino Juan Guaidó pediulles a varios bancos internacionais que protexan os activos de Venezuela para evitar a súa utilización por parte de Nicolás Maduro. Un senador republicano dos Estados Unidos xa anunciou o traspaso do control de varias contas estatais venezolanas a Guaidó, a quen recoñecen lexitimidade desde o mércores pasado.

O enfrontamento no ámbito diplomático e militar tamén dá novos pasos. O agregado militar de Venezuela en Washington decidiu descoñecer a autoridade de Maduro e avalar a interinidade de Guaidó. A fin de semana dedicouna, precisamente, Guaidó, a buscar apoios nas forzas armadas. Os seus seguidores percorreron cuarteis en todo o país para levarlles o texto da lei de amnistía aprobada pola Asemblea Nacional.

Guaidó, tras pedirlle á alta comisionada das Nacións Unidas para os dereitos humanos que comprobe in situ a situación extrema que vive a poboación, convocou novas mobilizacións para o mércores e o sábado, coincidindo coa finalización do prazo de oito días que lle deron países como Francia, Alemaña ou España a Nicolás Maduro para que convoque eleccións. Nunha entrevista coa filial turca da CNN, Maduro responde.

Tamén a súa foi unha fin de semana centrada nas forzas armadas. Nunha exhibición de poderío militar, asistiu en Paracamay a unhas manobras en que anunciou a próxima realización dos exercicios militares máis importantes da historia do país e facer respectar a nación dixo, co poder militar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/01/2019