CRTVG

Buscar

Jorge Prado, novo podio en Italia

Publicado o 30/09/2020 20:08

Jorge Prado estase afacendo aos festexos. En Mantua tivo moito que celebrar. Na primeira manga, o piloto lugués volveu facer a mellor saída, como adoita. Púxose á fronte do grupo e a partir de aí tirou e marchou. Non houbo quen lle seguise o ritmo. Controlou a carreira de principio á fin. Non lle foi tan ben a segunda manga. Non foi quen de asinar a súa gran saída habitual e viuse atrapado no medio do tráfico. Caeu ata a sexta praza e malia a loita e o esforzo non puido mellorar esa posición. Faltáronlle voltas para superar os rivais que tiña por diante.

Esa sexta praza combinada co triunfo na primeira manga permitíronlle volver ao podio, un sitio en que empeza a ser xa un habitual. Foi segundo no gran premio cidade de Mantua e segue a recortar distancias no mundial. O soño de gañar o título no ano da súa estrea na categoría vaise achegando. O domingo volve a este mesmo circuito.

Noticias web

30/09/2020