CRTVG

Buscar

Johnson trasládalle á UE a súa última oferta para evitar controis na fronteira irlandesa

Publicado o 02/10/2019 21:17

É a última baza de Boris Johnson para abandonar polas boas a Unión Europea dentro de 29 días. O documento, que xa está en mans da Comisión Europea, propón que Irlanda do Norte saia da Unión co resto do Reino Unido, pero sen levantar unha fronteira con Irlanda que poña en perigo os acordos de paz do Venres Santo.

"Baixo ningunha circunstancia teremos controis na fronteira ou preto dela”, subliñaba Johnson.

A solución pasaría porque eses controis se fagan en orixe e destino das mercadorías. Ademais, a provincia norirlandesa seguiría aliñada coas normas comunitarias durante 4 anos. Despois, sería o Parlamento norirlandés quen decidiría se as prorroga ou abandona.

O presidente da Comisión, Jean Claude Juncker, falou esta tarde da proposta cun Johson que insiste en que non haberá máis prórroga. A idea do líder conservador conta co visto e prace dos seus socios do Partido Unionista Norirlandés, pero é criticado pola oposición. 

"É peor que o acordo de May, mina os acordos de paz e traerá a desregulación ao país", resumía o líder laborista Jeremy Corbyn.

Bruxelas estuda o documento, pero xa sabe o que opina o socio máis afectado: Irlanda considera a proposta inaceptable.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí