CRTVG

Buscar

Johnson busca nas urnas a maioría que active o 'brexit'

Publicado o 12/12/2019 19:41

Son as terceiras eleccións en cinco anos no Reino Unido. Non tocaba ata 2023, pero o primeiro ministro Boris Johnson quere romper nas urnas os reiterados bloqueos cos que o Parlamento frustrou unha e outra vez os seus plans para saír da Unión Europea. O líder conservador busca ademais a lexitimación dos votos despois de herdar o cargo tras a dimisión de Theresa May. O seu obxectivo resúmese nunha cifra: 326. É a maioría absoluta da Cámara dos Comúns que lle permitiría activar o brexit o 31 de xaneiro, tal e como pactou con Bruxelas. Jeremy Corbyn non o ten doado. As últimas enquisas sitúan o líder laborista entre 9 e 11 puntos por detrás dos tories. Propón elevar o gasto público a niveis dos anos 70 e renacionalizar as empresas de transporte. A ambigüidade sobre o brexit e os receos que inspira no votante moderado pesan na súa contra. Actoras clave poden ser a liberal demócrata Jo Swinson, a única que promete revogar o brexit e a quen as enquisas dan ata o 12% dos votos, a escocesa Nicole Sturgeon, que ofrece inclinar a balanza a cambio dun referendo de independencia, ou a norirlandesa Arlene Foster, socia dos conservadores pero contraria a un brexit que volva levantar unha fronteira cos veciños do sur.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/12/2019