CRTVG

Buscar

James Rhodes ofrece un concerto na prisión da Lama a petición dos internos

Publicado o 04/03/2019 13:10
James Rhodes ofrece un concerto na prisión da Lama a petición dos internos

O pianista James Rhodes ofreceu este luns un concerto na prisión da Lama (Pontevedra) a petición de 33 internos do programa de saúde mental que lle escribiron unha carta en decembro que o músico contestou inmediatamente.

"Ola, James! Sorprenderate desde onde che escribimos e a de fronteiras e muros que pode traspasar a túa música". Así comezaba a carta que, o pasado mes de decembro, 33 internos do Programa de Atención Integral a Enfermos Mentais (PAIEM) do Centro Penal da Lama enviaron ao pianista e activista contra os abusos a menores James Rhodes, informou nun comunicado Institucións Penitenciarias. Nin 24 horas tardou o pianista en responder con outra "agradecidísima misiva", indican as mesmas fontes, en que afirmaba: "Encántame a idea". O resultado foi o concerto gratuíto, só para internos, traballadores e ONG que colaboran co PAIEM, que na mañá deste luns ofreceu no salón de actos da prisión pontevedresa.  

O primeiro movemento da Sonata nº 15 de Beethoven, o Scherzo nº2 de Chopin e a melodía de Orfeo e Eurídice de Gluck foron algunhas das pezas interpretadas polo británico, "ante un salón de actos a rebordar e un silencio absoluto que sorprendeu o propio pianista", indicou Institucións Penitenciarias.

Hora e media "de paz e harmonía perfecta no medio de tanta tolemia", como os internos cualificaban a música de Rhodes na súa carta.