CRTVG

Buscar

Jacobo Garrido bate os récords do mundo de 800 e 1.500 metros de natación adaptada

Publicado o 28/01/2020 20:41

Hai catro meses, Jacobo Garrido gañaba a final do mundial dos 400 metros libres. Agora chegan estes dous récords do mundo en piscina de 25 metros, que xubilan rexistros conseguidos hai catro anos. Garrido rebaixou as anteriores plusmarcas de 800 e 1.500 libres en 15 e 43 segundos, respectivamente.

"Pensaba en facelos por bastante marxe, pero non por tanta, porque baixei en 1.500 a miña marca persoal. Ademais viña dun 400 e dun 100 libre e viña canso", confesou Jacobo.

Garrido iniciará en febreiro o asalto á marca minima para participar nos Xogos Paralímpicos. Chegou hai dez días de Suráfrica, onde realizou unha concentración en altura co grupo de adestramento de Mireia Belmonte. As sesións de traballo foron moi duras, cunha media de 16.000 metros diarios. 

"Traballamos moitísimo, sobre todo crawl e fondo. Cando estaba nadando o 1.500 decateime de que tiña aguante. Se non fose, creo que me custaría moito máis. Foi dura, pero moi boa: facer cardio en xaxún, ir á piscina, logo adestrarme no ximnasio, descansar dúas horas e outra vez adestrarme. Tiña que durmir cedo porque todos os días había que madrugar", asegurou o nadador coruñés.

Ademais dos dous récords do mundo, Jacobo Garrido, de 17 anos, gañou o trofeo ao mellor nadador no campionato de España de promesas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/01/2020