CRTVG

Buscar

Italia rexistra case un milleiro de mortos máis con coronavirus nun só día

Publicado o 27/03/2020 18:17

Italia volveu rexistrar este venres resultados negativos na súa loita contra a pandemia do coronavirus, cunha cifra récord de case 1.000 mortos e outros 6.000 casos adicionais nun só día, aínda que as autoridades aseguran que se estaría producindo unha ralentización nos contaxios. Segundo os datos publicados por Protección Civil, nas últimas 24 horas houbo 969 vítimas mortais máis, o que eleva o total a 9.134 falecidos, mentres que se sumaron outros 5.959 casos, ata un total de 86.498 desde que comezou o brote. Con este último dato, Italia supera xa A China, país onde se orixinou o coronavirus, en cifra de contaxios, xa que en cifra de mortos fíxoo hai uns días. 


Francia amplía o confinamento

Alemaña converteuse no país europeo con maior número de persoas
infectadas despois de Italia e España. Son preto de 37.000, pero cunha
letalidade moi baixa.

Séguelle Francia con 30.000 contaxiados, pero 1.700 vítimas mortais. O Goberno francés aprobou prolongar o confinamento da poboación ata o 15 de abril.

No Reino Unido, con case 12.000, o Goberno mercou tres millóns e medio de tests rápidos. O obxectivo é que a xente faga a proba na casa e se dá negativo poida abandonar o confinamento e reincorporarse ao traballo.

Nos EUA, máis contaxios ca na China

A epidemia segue avanzando nos Estados Unidos. Chegou a ser o país con máis infectados do mundo aínda que agora ten unhas cifras semellantes ás de Italia. Houston e Nova Orleáns sumáronse ao confinamento en que xa están a metade dos 330 millóns de habitantes do país.

Bolsonaro e López Obrador, despreocupados.

Os presidentes dos dous xigantes da América Latina, México e O Brasil, seguen minimizando a dimensión da pandemia a pesar da lenta pero constante propagación do coronavirus na rexión.

Non o fan na China, que, ante o aumento de casos importados, impuxo grandes restricións á entrada no país de persoas procedentes do estranxeiro.








Noticias web

27/03/2020