CRTVG

Buscar

Italia amplía as limitacións tras rexistrar case mil mortes, o peor dato da pandemia

Publicado o 03/12/2020 20:48

• EUA alcanzan unha mortaldade sen precedentes

Italia confirmou 993 mortos a causa do coronavirus nas últimas 24 horas, o peor dato rexistrado desde o comezo da emerxencia pola pandemia en febreiro, segundo o boletín de hoxe do Ministerio de Sanidade. 

Este aumento dos falecidos eleva o balance provisional ás 58.038 vítimas mortais en Italia desde o comezo da pandemia o 21 de febreiro. Ata o momento, o maior número de mortos notificouse o pasado 27 de marzo (969). Máis dun terzo dos falecidos hoxe en todo o país, 347, corresponden á rexión norteña de Lombardía. 

Doutra banda confirmáronse 23.225 novos contaxios, o maior aumento do últimos catro días, aínda que entre onte e hoxe fixéronse un elevado número de probas diagnósticas, máis de 226.000. En total no país contaxiáronse 1.664.829 persoas co virus Sars-Cov-2. 

Estes datos, que confirman o aplanamento da curva dos contaxios (en novembro rozaban os 40.000 diarios), tamén dan fe dunha menor presión aos hospitais italianos. Das 759.982 persoas actualmente enfermas coa covid-19 en Italia, a gran maioría permanece illada nas súas casas con apenas síntomas, mentres que 35.369 necesitaron ser ingresadas, 701 menos ca onte, mércores. 
Nas unidades de coidados intensivos do país hai 3.597 persoas polo coronavirus, 19 menos que onte. 

Italia imporá corentena a italianos e turistas que volvan tras o Nadal
               

O Goberno italiano aprobou hoxe que os italianos ou os turistas que regresen ao país entre o 21 de decembro e o 6 de xaneiro terán que pasar un período de corentena, unha medida coa que Roma trata de evitar unha "terceira onda" de contaxios de coronavirus en xaneiro.

Así o afirmou hoxe o primeiro ministro italiano, Giuseppe Conte, nunha conferencia de prensa, na que anunciou novas medidas restritivas que serán adoptadas para ese período de festas.

Nestas datas estarán prohibidos os desprazamentos entre rexións e haberá un toque de queda entre as 22.00 horas locais e os 5.00 locais, con excepción do día de fin de ano, en que o toque de queda se ampliará ata as 7.00 horas locais do 1 de xaneiro. 

Os EUA alcanza unha mortaldade covid sen precedentes 

Os EUA superou a cota dos 3.000 mortos diarios e vai camiño de engadir un millón de infectados pola covid-19 cada cinco días, con moitos hospitais desbordados e unhas cifras que non dan razóns para o optimismo ás portas do inverno e en plena época vacacional.

Os Centros de Control e Prevención de Enfermidades (CDC, en inglés) advertiron de que Estados Unidos e o seu sistema de saúde se enfrontan aos peores meses da súa historia, coas infeccións totalmente disparadas en case todos os estados do país e con preto de 20.000 persoas en unidades de coidados intensivos.

O mércores faleceron 3.157 persoas, segundo datos da Universidade Johns Hopkins, un récord que supera en máis de medio milleiro os niveis da pandemia na primavera, e que equivale a máis mortos que os rexistrados nos ataques do 11 de setembro de 2001 contra as Torres Xemelgas e o Pentágono.

 

Noticias web

03/12/2020