CRTVG

Buscar

Italia conta 197 mortos e Francia pecha colexios e garderías en dous departamentos do país

Publicado o 07/03/2020 10:12

A Organización Mundial da Saúde conta que esta fin de semana se cruce a barreira dos 100.000 casos de coronavirus. De momento van 98.000. O COVID 19 causou 3.400 falecidos no mundo pero máis de 55.000 persoas superaron a infección.

Europa contabiliza case 6.000 casos. A epidemia segue aumentando sen control en Italia con 4.636 diagnósticos. O seu sistema de saúde reséntese porque máis da metade seguen hospitalizados. Tamén preocupa a mortaldade, moi por riba da media. Xa van 197 falecidos, 49 máis nun día.

Pola contra, a mortaldade é moi inferior ou nula nos países veciños ou próximos, como Francia ou Alemaña que contabilizan o mesmo número de infectados, 577. Ou Suíza con 200 casos.

Xa non se salva nin O Vaticano, onde se detectou o primeiro caso. Eslovaquia e Serbia tamén deixaron de ser este venres países libres do coronavirus.

• A OMS anuncia que hai 20 vacinas en desenvolvemento

A OMS pídelles aos gobernos que sigan priorizando a contención, coidando dos máis vulnerables e rastrexando a orixe dos contaxios. Anuncia que xa hai 40 probas rápidas de detección do coronavirus e 20 vacinas en proceso de desenvolvemento.

Noticias web

07/03/2020