CRTVG

Buscar

Investigan un empregado dunha axencia de viaxes de Sarria por unha suposta estafa

Publicado o 11/03/2020 14:58

Ofertaba viaxes en condicións moi vantaxosas, cobrábaas por adiantado e logo quedaba cos cartos e non facía as reservas. Presuntamente, así actuaba o empregado desta axencia de viaxes de Sarria. En total pode haber uns trinta afectados que puideron entregar arredor de 100.000 euros.

A Garda Civil xa está informada do asunto e realiza as dilixencias correspondentes. Ao parecer, foi a propia responsable da axencia a que se decatou do que estaba a acontecer. Os especialistas nestes casos recomendan acudir á xustiza.

"Polo que se sabe ata agora, estamos a falar dunha estafa, porque se entregaron os cartos pero non se fixeron as reservas. O que se pode facer é denuncialo".

O detonante para que se descubrise a presunta estafa foi a chamada dun dos clientes a un dos hoteis onde agardaba pasar as vacación. Alí dixéronlle que non había ningunha reserva nin ao seu nome nin procedente da axencia de Sarria. Neste tipo de situacións, o responsable é a persoa que comete a estafa, pero os clientes teñen tamén a posibilidade de reclamar ante a empresa por se esta non actuou coa vixilancia debida cando se trata destas operacións.

"A empresa ten unha responsabilidade polas persoas que ten alí empregadas atendendo o público, e se cadra hai que tirar dese fío para poder recuperar os cartos".

O empregado xa foi despedido do establecemento hai varias semanas e a Garda Civil está á espera de recibir máis denuncias.

Noticias web

11/03/2020