Investigan unha aplicación para móbiles pola aparición de patinetes espallados polas rúas da Coruña
En varios puntos da Coruña apareceron espallados patinetes eléctricos de alugueiro. Detrás deste servizo está unha aplicación para móbil dunha empresa con sede en Madrid que podería enfrontarse a unha sanción por carecer de permiso para ocupar os espazos públicos. A Policía Local está a investigar o caso.
Os patinetes eléctricos de aluguer que apareceron nas rúas da Coruña funcionan cunha aplicación para móbil que desbloquea o patinete. En total a Policía Local localizou 50 unidades espalladas por diferentes puntos da cidade.
Trátase da mesma empresa á que o Concello de Vigo lle pediu que retirara os patinetes das rúas a semana pasada. Na Coruña, os patinetes están ancorados aos chamados aparcabicis, bens públicos de competencia municipal para os que a empresa carece de permiso de uso.
A Policía Local xa contactou coa empresa, con sede virtual en Madrid, á que lle requeriu toda a documentación. Se non dispón da autorización pertinente, o concello podería proceder á apertura dun expediente sancionador.