CRTVG

Buscar

Investigan as causas do incendio que arrasou unha nave en Vilalba

Publicado o 27/01/2020 15:08

O lume arrasou unha antiga nave industrial nunha parroquia de Vilalba. Os bombeiros tiveron que empregarse a fondo para sufocar as lapas debido a que no inmoble se almacenaban pinturas, gasóleo e outros materiais altamente inflamables. De feito, un deles sufriu queimaduras nun brazo. A súa rápida intervención evitou que o incendio se espallara ás casas lindeiras. 

A Garda Civil investiga as causas polas que se produciu o incendio que arrasou esta nave no lugar do Santo, en Vilalba. O inmoble utilizouse durante anos como almacén de materiais de construción e ultimamente gardábanse nel pinturas, gasóleo, ferramentas e todo tipo de obxectos, que serviron como combustible e avivaron o lume. Nos labores de extinción participaron bombeiros de Vilalba e de Barreiros, así como efectivos de Protección Civil. A situación foi moi tensa porque había un risco moi elevado de que as lapas acabaran por chegar ás casas lindeiras.

"Alí había de todo. A virulencia do lume ven polo contido da nave. Pinturas, disolventes, portas, mobiliario...de todo".

As altísimas temperaturas que se rexistraron no interior da nave durante o incendio, sumadas ao feito de que o tellado e parte das paredes cederan fixo que se complicaran moito os labores de extinción. Un dos bombeiros de Vilalba quedou ferido con queimaduras nun brazo e derretéuselle o casco, se ben o seu estado non reviste gravidade. A opinión unánime é que, se o incendio se producise de noite, poderían arder as casas pegadas á nave. Por sorte, os veciños puideron decatarse a tempo e avisar os bombeiros.

"Mesmo había dous tanques de gasóleo que colapsaron pola alta temperatura e tivemos que utilizar escuma para poder apagar o lume".

Debido á perigosidade do incendio, os bombeiros permaneceron sete horas no lugar ata arrefrialo por completo e realizaron visitas posteriores para garantir que non reavivase.

Noticias web

27/01/2020