CRTVG

Buscar

Investigan a suposta explotación de nove inmigrantes nunha nave en Tordoia

Publicado o 01/09/2020 14:33

O xulgado de Ordes leva o caso. Un home denunciou que o ameazaran cunha pistola, que o ataran de pés e mans e que mallaran nel antes de deixalo no monte atado a unha árbore

A nave e unha das leiras onde traballaban os inmigrantes está en Anxeriz, no concello de Tordoia. Os denunciantes din que o empresario os pechaba aquí e que cando a Garda Civil facía unha inspección lles mandaba esconderse para que non os viran. De aí o nome co que os axentes bautizaron a investigación: Operación Carcelero.

Os inmigrantes afirman que lle pagaraon a un intermediario coa promesa de ter un contrato e regularizar a súa situación. "Chégalle a pagar 2.500 euros para regularizar a súa situación e ter un contrato de traballo, pero isto nunca pasa. El embolsa esa cantidade e pon a xente a traballar na recolleita nesa nave de Anxeriz, pero nunca paga un salario nin dá de alta na Seguridade Social", afirma Brais González, avogado dos traballadores inmigrantes.

Explotación, ameazas e agresións

O xulgado de Ordes leva o caso. Aquí declararon polo momento o suposto agredido, outro traballador que coñeceu os feitos e as tres persoas que acusan de retelo e mallar nel. "O traballador recolleu probas da nave, do traballo que facían... E cando se decata, o empresario méteo nunha furgoneta, ameázao cunha pistola, golpéao e déixao abandonado nun monte próximo da nave onde traballaban. O que quería era destruír as probas que o incriminaban nesta trama", di Brais González.

O empresario e os outros dous acusados enfróntanse a un delito de estafa e tráfico de man de obra inmigrante con fins de explotación e outro de detención ilegal, lesións e ameazas. Nas próximas semanas declararán en Ordes os traballadores que aínda non o fixeron. Son sete homes e dúas mulleres que proceden do Brasil, de Venezuela, do Salvador e de Marrocos.

Noticias web

01/09/2020