CRTVG

Buscar

Investigan a relación entre a enfermidade das enxivas e o alzhéimer

Publicado o 18/06/2019 12:46

As infeccións bucodentais non só danan a cavidade bucal, sábese que ademais son porta de entrada a doenzas noutras partes do organismo.

Investigadores noruegueses recolleron a evidencia científica da máis que probable relación entre a enfermidade das enxivas e o alzhéimer. Particularmente, as probas de que a bacteria causante da periodontite ten presenza tamén nos cerebros de enfermos de alzhéimer, e alí xera unha proteína que acelera a destrución neuronal.

O responsable da Unidade de Neuroloxía Cognitiva do CHUS, José Manuel Aldrey, explica que "hai indicios que fan pensar que puidera existir unha relación, non sabemos se causa-efecto, circunstancial, se o alzhéimer xa está aí e favorece que este xerme poida chegar ao cerebro...".

Queda moito que investigar, pero a hipótese é o suficientemente sólida como para que estea xa en marcha un ensaio clínico co que "intentan eliminar, interferir ou facer que non se produza o efecto dunhas proteínas que xera este xerme e que puideran ter un efecto tóxico sobre as neuronas a nivel cerebral". 

Ata obter resultados hai, polo tanto, un longo camiño. Mentres, súmanse motivos para coidar a hixiene bucodental.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/06/2019