CRTVG

Buscar

Investigan a procedencia dunha granada de uso militar atopada na contorna de Rande

Publicado o 12/01/2020 20:53

A granada de morteiro estaba enriba dunhas rochas, preto do museo de Rande, pertencente ao concello de Redondela. Avistouna un mozo que saíra a pescar e, por precaución, alertou o 112.

Tras unha primeira verificación policial, acordoouse a zona. De seguido, a Unidade de Desactivación de Explosivos da comisaría de Vigo-Redondela, desprazada ao lugar, confirmou que se trata dunha granada de morteiro de uso regular no exército.

Segundo informou a policía, o traslado do proxectil realizouse coas máximas medidas de seguridade utilizando material de contención. Agora, os tédax investigan a súa procedencia. Mentres no lugar, cada quen fai a súa propia conxectura.

A Policía Nacional lembra que nunca se debe manipular un artefacto explosivo e pide que, no caso de topar algún, se lles comunique o antes posible ás forzas de seguridade.

Noticias web

12/01/2020