CRTVG

Buscar

Investigadores de Santiago reposicionan fármacos para tratar doenzas reumatolóxicas

Publicado o 05/07/2019 15:09

O reposicionamento de fármacos implica darlles unha nova utilidade a medicamentos xa existentes que demostran ser eficaces en doenzas para as que inicialmente non estaban indicados. Iso é o que están conseguindo neste grupo de investigación de Santiago con fármacos empregados en neuroloxía ou oncoloxía que poderían ser moi beneficiosos para enfermidades reumatolóxicas como a artrose. Traballan con catro medicamentos e os traballos cun deles xa están moi avanzados.

Rodolfo Gómez, investigador do IDIS, explica que comprobaron que "inhibía ata un 98 por cento procesos inflamatorios das articulacións, e iso non o esperabamos, e ese fármaco, co financiamento necesario poderíamos telo nun semestre publicado".

Agora buscan financiamento a través dunha campaña de micromecenado para poder finalizar esta fase da investigación, cuxos resultados non van ser patentados por varios motivos.

"Unha transferencia máis rápida para os pacientes podería ser non patentalos e que se puideran sacar xenéricos, reducir custos para a sanidade galega e acurtar prazos".

20.000 euros é o que necesitan para completar esta investigación que podería beneficiar millóns de persoas que padecen artrose.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/07/2019