CRTVG

Buscar

Investigado un home de Mos por danos a animais por valor de 2.000 euros

Publicado o 02/07/2020 13:48

A Garda Civil investiga un home de Mos de 44 anos por ter preto de medio cento de cans nun terreo sen licenza e con algúns animais potencialmente perigosos.

Investiga tamén se os animais entraron nunha leira próxima e mataron todas as galiñas e coellos que alí había.

Os feitos producíronse supostamente neste camiño Lagoal da parroquia mosense de Louredo. A Garda Civil comeza a investigación tras a denuncia dun veciño que di ter estragos materiais e perdas animais de preto de dous mil euros entre galiñas e coellos.

Segundo o testemuño deste veciño os cans entraron na súa propiedade e acabaron con todos os seus animais.

A Garda Civil identificou o propietario dos cans, un home de 44 anos, que ten antecendentes policiais por motivos similares. Os axentes atoparon no lugar corenta cans, algúns de razas perigosas, e sen chip.

O home non ten autorización para xestionar este tipo de establecemento; polo que se lle imputa un delito de danos e diversas infraccións administrativas e contra o benestar animal.

As dilixencias entregáronse no xulgado de Garda do Porriño, onde o investigado terá que prestar declaración.

Noticias web

02/07/2020